01 Dec O ROSAL ÚNESE A REDE DE ENTIDADES LOCAIS PARA A AXENDA 2030
É o primeiro Concello da comarca en sumarse a este compromiso para implementar os Obxectivo de Desenvolvemento Sostible nas políticas públicas municipais
O pleno do Rosal aprobou unirse á Rede de Entidades Locais para Axenda 2030 da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Desta maneira súmase a un grupo de 227 concellos do Estado que se comprometen a localizar e implementar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de forma transversal nas políticas públicas municipais. A alcaldesa, Ánxela Fernández, destaca que “O Rosal é o primeiro Concello da comarca en sumarse a esta necesaria iniciativa e tamén un dos primeiros en Galicia, onde soamente hai 19 municipios adheridos”.
Coa adhesión á Rede de Entidades Locais para a Axenda 2030, o Goberno Local comprométese a determinar un conxunto de actuacións, que deberán incorporarse nun Plan de Actuación ou Estratexia Local, aprobado polo Pleno, que inclúa unha análise de situación e un plan de localización e implementación dos ODS da Axenda 2030, unha serie de obxectivos que constitúen un chamamento universal á acción para poñer fin á pobreza, protexer o planeta e mellorar as vidas e as perspectivas das persoas de todo o mundo cando remate esta década.
Paralelamente, deberase iniciar un proceso de información e sensibilización para a participación de todos os axentes locais, económicos e as organizacións cidadás representados na vida municipal, para a súa implicación na implementación local da Axenda 2030. Ademais, o pleno do Rosal tamén asumiu a declaración da FEMP sobre a necesidade de traballar estes obxectivos. Ánxela Fernández destaca que a Axenda “debe ser unha referencia fundamental para nós, a veciñanza e as comunidades locais para traballar pola erradicación da pobreza, o acceso á auga, a equidade, un urbanismo inclusivo e sostible, a loita contra o cambio climático… e tantas outras tarefas que forman parte da xestión diaria das políticas públicas de proximidade”.
A incorporación a Rede é un paso máis da estratexia do Concello para facer do Rosal un municipio “sostible e inclusivo” con distintas intervencións de relevancia, como a recuperación de espazos para as persoas, a mellora no saneamento e abastecemento de auga, o reforzo do comercio local, a conservación da educación rural… e outras moitas accións que se están a desenvolver nos últimos anos.