18 Out O CONCELLO DO ROSAL DÁ O PISTOLETAZO DE SAÍDA AO SEU PROXECTO PARA A AXENDA 2030
Arredor de 50 persoas asistiron á primeira reunión informativa desta iniciativa que busca a participación veciñal
Nesta primeira fase púxose en marcha unha enquisa aberta á veciñanza para recadar datos para a diagnose de partida
O Rosal deu o pistoletazo de saída ao seu plan estratéxico para a localización, implementación e seguimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 adaptados á realidade local. O Concello celebrou este martes a primeira reunión informativa do proxecto, un acto no que participaron arredor de 50 persoas ás que se lle explicaron os primeiros pasos que se están a dar nesta iniciativa que busca a implicación do tecido asociativo, económico e social rosaleiro.
Nesta primeira fase o Concello busca sentar as bases do proxecto, xerando coñecemento, interese e compromiso entre a veciñanza cunha serie de acción que inclúen a posta en marcha dunha enquisa pública en liña ou en formato papel que permitirá deseñar O Rosal do futuro. Toda a información recompilada nesta primeiro chanzo da iniciativa será a que servirá de base para elaborar un Plan de Acción Local e deseñar políticas públicas cun enfoque máis integral para o desenvolvemento sostible a nivel social, económico e medioambiental.
“Se a través da participación veciñal somos quen de identificar os puntos débiles reais imos ter a capacidade de planificar e proxectar unha estratexia para tentar corrixilas e deseñar O Rosal que queremos para os vindeiros anos”, explicou durante o encontro a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora resaltou a implicación da veciñanza, xa que “O Rosal ten particularmente esa fortaleza do ben común, conta con moitas persoas que levan traballando moitos anos polo colectivo”.
O resultado será unha ferramenta de planificación estratéxica que permitirá establecer actuacións coas que incorporar os ODS adaptados á realidade do concello, unha liña na que o Goberno municipal leva anos traballando. O obxectivo é continuar avanzando na loita contra o cambio climático, camiñar na transición cara a economías baixas en carbono, mellorar a eficiencia enerxéticas, procurar unha economía circular e construír unha sociedade máis xusta e igualitaria.
O Concello contou para este proxecto coa subvención da Secretaría de Estado para la Agenda 2030 del Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2030 destinada á posta en marcha de accións para o impulso da Axenda 2030 nas entidades locais.
A Axenda 2030 distribúese en 17 obxectivos de desenvolvemento sostible que van dende o fin da pobreza á loita contra o cambio climático, pasando pola igualdade de xénero, a educación ou a saúde. Estes obxectivos divídense en 169 metas que representan todos os aspectos que a gran maioría dos países do mundo acordaron que é necesario mellorar.