20 Dec O ALUMNADO ROSALEIRO DESCOBRE DE FORMA INTERACTIVA A AXENDA 2030
Máis de 200 rapaces e rapazas de Primaria e Secundaria do CPI Manuel Suárez Marquier participaron en sete talleres para achegarse aos ODS e á Axenda Urbana
O Concello do Rosal continúa traballando para achegar á veciñanza á Axenda 2030 e deseñar un plan de acción propio coa implicación do tecido asociativo, económico, educativo e social rosaleiros. Máis de 200 nenos e nenas de educación primaria e secundaria do CPI Manuel Suárez Marquier participaron estes días en sete obradoiros deseñados para que a rapazada descubrira dun xeito divertido, participativo e interactivo os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), especialmente o ODS11, vinculado ás cidades e comunidades sostibles e á Axenda Urbana.
O alumnado de maior idade achegouse aos ODS a través dun escape room en liña, no que se enfrontou ao desafío de decodificar a través de diferentes enigmas os ODS e descubrir a data límite para que a humanidade logre os obxectivos que permitan protexer ao planeta. En primaria a actividade sacou a relucir o lado máis creativo de nenos e nenas, facendo tormentas de ideas para detectar os problemas do mundo, idear unha máquina que puidera solucionalo e trasladalo ao papel para compartir co resto do centro educativo a través de distintos carteis.
Estas actividades forman parte do plan estratéxico do Concello do Rosal para a localización, implementación e seguimento dos ODS da Axenda 2030 adaptados á realidade local, unha iniciativa que busca a implicación e participación de toda a veciñanza, independentemente da súa idade.
“Nun mundo cada vez máis complexo, é fundamental plantar o xermolo da sostibilidade dende ben pequenos e pequenas, porque achegar á infancia e adolescencia aos ODS e a Axenda 2030 non é só unha opción, é unha responsabilidade compartida para construír un futuro máis sostible”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora destacou que con talleres como estes “introducimos a nenos e nenas neste diálogo dende unha idade temperá e lles proporcionamos as ferramentas para converterse en axentes do cambio informados e comprometidos”.
O Concello do Rosal deseña un plan de acción que funcionará como ferramenta de planificación estratéxica coa que establecer actuacións que permitan incorporar os ODS adaptados á realidade do municipio, unha liña na que o Goberno municipal leva anos traballando. O obxectivo é continuar avanzando na loita contra o cambio climático, camiñar na transición cara a economías baixas en carbono, mellorar a eficiencia enerxéticas, procurar unha economía circular e construír unha sociedade máis xusta e igualitaria.
O Concello contou para este proxecto coa subvención da Secretaría de Estado para la Agenda 2030 del Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2030 destinada á posta en marcha de accións para o impulso da Axenda 2030 nas entidades locais.